martes, 5 de enero de 2010

PARA LER: SOL DE INVERNO


ROSA ANEIROS
Sol de Inverno
Premio Xerais de Novela, 2009

Sol de Inverno, a obra coa que Rosa Aneiros gañou o Premio Xerais 2009, é unha novela comprometida, densa e cun pouso de lirismo que debuxa o periplo vital dun personaxe: Inverno. A protagonista habita diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias da fuxida a Francia; ao emblemático barco Ipanema; ao longo exilio cubano; á revolución castrista; e mesmo á viaxe ao París do maio do 68. Será en Cuba onde atopamos o pouso da emigración e dos descendentes dos cimarróns, da memoria infinita da tata Luzdivina e do cheiro das follas de tabaco do bisavó Andrés, un escenario clave para entender a singradura dunha protagonista que turra por volver a Antes. Para o xurado do Premio Xerais 2009 “Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.”

No hay comentarios: