martes, 9 de marzo de 2010

O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR. AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ


Hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste novo libro de relatos de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Pablo Auladell: Diana, Sara, Pablo, Laura, Adrián… todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes: desde o primeiro amor adolescente ata que se mantén máis alá da morte. Aínda sabendo isto, as persoas sempre buscamos na nosa vida ese sentimento tan necesario como o aire que respiramos, quizais porque intuímos que, como escribe Orhan Pamuk en Neve, “na vida o único que queda é o amor”. E sempre, os libros como compañeiros da aventura do amar. Un libro memorable.

O único que queda é o amor é un dos libros máis premiados e recoñecidos dos publicados en Galicia durante os últimos anos. Reeditado en cinco ocasións, con anterioridade a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY, recibiu o Premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil do ano 2007, o Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega (Infantil-Xuvenil), 2007, o Premio Literario Frei Martín Sarmiento (3º ESO a Bacharelato), o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008 .

1 comentario:

Antón dijo...

Canto me gusta que se fagan recensións dos nosos libros e dos nosos autores, porque isto axuda a espallar a súa obra e con ela a nosa cultura, axuda a que os nenos -e non tan nenos- descubran a posibilidade de descubrir o mundo dos soños e, neste caso, o mundo do amor. Parabéns.
Antón Amil